Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Frades inviste 82.000 € no arranxo do camiño Fondevila-Cheda e na mellora dos accesos a O Canedo e Fondevila


O Concello de Frades vén de investir 82.038,81 euros no arranxo do camiño que une a AC-524 coas localidades de Fondevila e Cheda, así como na mellora dos accesos ás localidades de Fondevila e O Canedo. Tres obras emprazadas na parroquia de Abellá e que foron adxudicadas á empresa Cosmalca SL.
As obras consistiron na ampliación dun camiño de 2.530 metros entre a AC-524 Ordes-Lanzá e as localidades de Fondevila e Cheda, cuxa plataforma foi ancheada nun metro. Así mesmo, para mellorar a seguridade viaria pavimentáronse outros 150 m 2 adicionais de sobreanchos na mesma estrada. Ademais da reparación de fochancas, executáronse 25 metros de cuneta de seguridade nunha zona que carecía dela.
Así mesmo, o Concello de Frades mellorou os accesos ás localidades de Fondevila e O Canedo. A actuación en Fondevila incluíu a pavimentación de tres treitos de 210 metros de lonxitude, así como a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para unha correcta drenaxe das augas pluviais. No caso do Canedo, a pavimentación tivo lugar en dous treitos que sumaban 480 metros de lonxitude, onde tamén se abriron gabias e se limparon as salvagabias.
As obras foron executadas nestes últimos tres meses pola empresa Cosmalca SL e foron financiadas con cargo ao Plan Único de Concellos “POS+ Adicional 1/2019” da Deputación Provincial da Coruña.